Ovos illas desprazándose polos ceos
Se algún obxecto representa a pintura de Pitelos (ou J. Méndez), é o ovo como elemento presente na maioría das súas obras, case sinal de identidade.
Por iso non nos estraña que titule esta última exposición Ovo Voandeiro e que os poña a voar, porque xa antes nos trouxo o mar a Compostela na exposición Santiago Marítimo.
El é de imposibles, ou máis ben de “surreais”, por iso nos obriga a ir ás orixes do surrealismo e lembrarnos de Broodthaers, de Breton, de Dalí ou de Magritte, porque todos eles falaron do ovo ou o representaron.
E obríganos, tamén, a percorrer a súa obra, para confirmar esa presenza do ovo desde os anos 80 ata facerse protagonista na exposición Retratos con Alegoría na que, os artistas que eran retratados por Méndez debían entregarlle a escultura dun ovo. E continuou o ovo presentándose en cada lenzo e cada escultura, porque el é un home de símbolos e alegorías.
Agora, o ovo é unha illa. Cunqueiro falaranos de illas que se moven polo mar cambiando de coordenadas, Méndez pon as illas – ovo a voar como minúsculos planetas onde todo é posible, porque a illa é o territorio da utopía desde o principio da escrita.
Pitelos é un artista de oficio, traballador e imaxinativo.
Con todas estas capacidades desenvolvidas en grao sumo e disposto a non aforrar, a non deixar unha idea para mañá, a gastalas todas nesa fogueira que é cada unha das súas mostras.
Pilar Sampedro